Monday 06 de May de 2024

O Concello de Noia adquire 200 trampas e 600 atraíntes para loitar contra a vespa velutina


Protección Civil Noia encargarase da colocación das trampas polas parroquias e de realizar un control sobre elas

O Concello de Noia vén de adquirir 200 trampas e 600 atraíntes para loitar contra a vespa velutina. “A Xunta proporciona aos apicultores algunhas trampas, dependendo do número de colmeas que teñan, pero os Concellos de momento non, polo que dende o Concello de Noia decidimos tomar a iniciativa e distribuír estas duascentas trampas polas distintas parroquias”, explica Ángeles Neri Arufe, concelleira de Medio Ambiente e Protección Civil.

A concelleira reuniuse esta mañá co xefe do servizo de Protección Civil de Noia, Eduardo Moledo, xa que serán os membros de Protección Civil os encargados de colocar as 200 trampas polas parroquias e realizar un control sobre elas. “Decidimos que era necesario reforzar as medidas de prevención xa que durante os nove primeiros meses do ano pasado se retiraron máis de cen niños”, apunta a concelleira de Medio Ambiente e Protección Civil.

A decisión de iniciar a campaña nestas datas xustifícase en que na primavera é cando as novas raíñas de vespa velutina comezan a conformar os seus niños primarios, polo que é un dos períodos de maior traballo para o control da especie (xunto co final do verán e o comezo do outono, cando os niños que non foran observados acadan xa tamaños considerables). A vespa asiática é unha especie invasora devoradora de insectos polinizadores, como as abellas, e que causa importantes prexuízos económicos nos sectores apícola e frutícola.

Charla informativa

Como reforzo a esta campaña municipal, o Concello de Noia organiza unha charla informativa sobre o control da vespa velutina, que terá lugar mañá venres 6 de abril, ás 20:30 horas, no salón de plenos. A charla será impartida polo xefe do servizo de Protección Civil de Noia, Eduardo Moledo, que estará acompañado pola concelleira de Medio Ambiente e Protección Civil do Concello de Noia, Ángeles Neri Arufe.

A iniciativa está especialmente dirixida aos apicultores do municipio, se ben tamén está aberta a todas as persas interesadas no control desta especie invasora. A entrada é totalmente libre e de balde.